A Xunta "xa está a pedir máis medios" para a Policía autonómica
Alfonso Rueda fixo fincapé en que a incorporación da policía á loita contra a violencia machista é razón dabondo para facer valer esta reivindicación.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, recalcou este luns que o Goberno galego "xa está a pedir máis medios" ao Ministerio do Interior para reforzar a Unidade Adscrita da Policía autonómica.
Rueda remarcou que esta se incorporou hai un tempo "de modo máis directo" á loita policial contra a violencia machista, o que considera "unha razón de máis para volver facer esta reivindicación".
"O Ministerio xa fixo un esforzo importante en completar a unidade hai uns anos, agora volvémolo a pedir. En coordinación coa Delegación do Goberno apoiaremos todas as reivindicacións que sexan necesarias para mellorar a seguridade das persoas", defendeu.
Rueda subliñou que os índices de seguridade e os niveis de violencia en Galicia "non son malos" en comparación con outras zonas do Estado, pero engadiu que ter máis medios "nunca é malo".
"Calquera reivindicación nós farémola en cooperación coa Delegación do Goberno", resolveu.
Escribe tu comentario